NOTA DE PRENSA. 
 
Antonio R. Troitiño e Alfonso García unifican as súas 
  candidaturas nunha “alternativa gañadora” que acabe con 40 
  anos de Iván Corral como presidente. 
 “ Xeración-RenovaFGA é un paso adiante para configurar 
  unha alternativa aínda máis sólida que busca un automobilismo 
  diferente, máis transparente, máis participativo e máis 
  barato e asequible para escuderías e deportistas”, aseguraron.
 Anticiparon que a curto prazo centraranse en “traballar o censo electoral, 
  para filtrar moitas escuderías e deportistas que aparecen e non poderían 
  estar e outros que faltan e si deberían figurar”.
  O candidato de RenovaFGA á presidencia da Federación Galega de 
  automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, e o candidato de XeraciónFGA, 
  Alfonso García Eiriz, escenificaron esta mañá a decisión 
  de unificar ambas candidaturas nun único grupo de traballo que sexa “unha 
  alternativa gañadora” para afrontar as votacións dos membros 
  da asemblea que se celebrarán o día 9 de outubro e a elección 
  do presidente o día 4 de decembro.
“Desde hoxe comezaremos a traballar unidos como Xeración-RenovaFGA 
  para acabar con cerca de 40 anos de réxime de Iván Corral como 
  presidente, cun funcionamento totalmente personalista, tremendamente opaco e 
  cada vez máis alonxado dos verdadeiros protagonistas deste deporte, que 
  son fundamentalmente as entidades organizativas, os pilotos e copilotos, e os 
  afeccionados”, aseguraron en rolda de prensa.
Segundo explicaron, esta fusión de ambas candidaturas “é 
  froito de moitos puntos de coincidencia sobre os cambios que é preciso 
  implementar na federación” e do “diálogo fluido e 
  constante” que Antonio Rodríguez Troitiño e Alfonso García 
  viñan
  mantendo desde hai meses, a pesares de traballar ata agora de forma completamente 
  independente.
“Xeración-RenovaFGA é un paso adiante para configurar unha 
  alternativa aínda máis sólida que busca un automobilismo 
  galego diferente, máis transparente, máis participativo e máis 
  barato e asequible para as escuderías e para os deportistas”,
  explicaron.
  Respecto aos seus respectivos roles na candidatura unificada, anticiparon que 
  Antonio Rodríguez Troitiño encabezará o grupo de traballo, 
  contando co respaldo de Alfonso García como segundo máximo responsable 
  do mesmo. A nivel operativo, nos vindeiros días irán unificando 
  tamén os grupos de traballo e cuestións como a imaxe corporativa 
  ou as canles de comunicación “para proxectar unha imaxe única, 
  unida e máis forte”.
En canto ó labor máis inmediato, ambos avanzaron a necesidade 
  de “traballar o censo electoral, para filtrar moitas escuderías 
  e deportistas que aparecen e non poderían estar e outros que faltan e 
  si deberían figurar”. “O obxectivo é depurar o censo 
  elaborado por Iván Corral para garantir que o proceso electoral sexa 
  limpo e transparente, sen ningún tipo de manipulación que poida 
  adulterar o resultado”, destacaron.